Dende os Modistas e William de Ockham ata o xiro lingüístico e a filosofía analítica, estes puntos reflicten unha historia onde a linguaxe pasa de ser unha simple ferramenta de comunicación a un obxecto de estudo en si mesmo, crucial para a comprensión filosófica. Así, a linguaxe comeza a verse como elemento esencial para entender a maneira na que, para algúns, observamos a realidade ou, para outros, simplemente achegámonos a ela.
No caso de Wittgenstein, en Investigacións filosóficas, a linguaxe xa non é só un sistema de signos que representa a realidade, senón un conxunto de "xogos de linguaxe" que dan forma á nosa interacción co mundo e entre nós. Na súa visión, o significado dunha palabra non reside na súa referencia á realidade, senón que entender o significado de algo é observar o seu uso na práctica e en contextos específicos. Neste sentido, a linguaxe é unha “forma de vida” e para entendelo será necesario seguir o xogo.
Wittgenstein inicia a obra citando unha descrición da aprendizaxe da linguaxe en Confesións de Agustín, onde os adultos nomean obxectos e o neno asocia palabras a esas cousas a través de xestos. Wittgenstein ve esta imaxe como limitada, pois suxire que a linguaxe se basea en etiquetas fixas e significados estáticos e non reflicte como realmente usamos a linguaxe en situacións cotiás. Esta "imaxe primitiva da linguaxe", corresponde a unha linguaxe máis básica e restrinxida, como o que usarían un albanel e o seu axudante con ordes simples como "piar", "laxa" e "cubo". Neste exemplo da obra, as palabras son substantivos, aos cales lles podemos atribuír un significado directo e claro, mais se cambiamos o contexto o seu significado non podería cambiar? e que ocorre cos nomes de acción ou de propiedades das cousas que efectivamente si cambian?
Ao introducir o concepto de “xogos de linguaxe,” Wittgenstein tenta mostrar como as palabras adquiren sentido a partir do seu uso en contextos específicos. Por exemplo, unha palabra como “vermello” no exemplo do tendeiro (1), depende non só dunha mostra de cor, senón da convención de que ao dicir “vermello” referímonos a unha calidade que todos asociamos á mesma cor, e esta asociación refórzase a través da práctica e da repetición en distintos contextos. Wittgenstein suxire que, se cambiamos o contexto ou o xogo da linguaxe, como no caso de pedir "cinco mazás vermellas," o significado adáptase á situación e a comprensión compartida entre os interlocutores. No caso de “cinco” cal é o seu significado?; “cinco” non sinala unha cousa, e por tanto estamos falando de como empregamos a palabra nas distintas situacións.
CUESTIÓNS PERSOAIS: pódese ensinar o significado dunha palabra sen contexto? é posible entender o significado completo dunha palabra?
Desde a perspectiva de Wittgenstein, o significado non é unha esencia interna das palabras, senón algo que flúe e adáptase a través dos usos e as prácticas compartidas. Unha das implicacións máis profundas deste enfoque é que non existe un significado “absoluto” ou “final” dunha palabra; o seu significado é dinámico.
As matemáticas fixéronme dubidar nalgún momento. Por exemplo, as palabras "triángulo" ou “número primo” teñen un significado bastante estable independentemente do contexto. Para min, isto limitaba a visión de Wittgenstein, xa que poderiamos asociarlle un significado concreto. Con todo, despois de repasalo, cheguei á conclusión de que as matemáticas están baseadas en acordos dentro de contextos sociais específicos. Os conceptos matemáticos son aceptados así por distintas sociedades, aínda que coincidan, pero outras poderían decidir non adaptarse a eles. Do mesmo xeito que a semana considérase que empeza en luns, para outros podería empezar en domingo ou en xoves…
En definitiva, a teoría de Wittgenstein convídanos a pensar na linguaxe non como un reflexo da realidade, senón como o medio a través do cal creamos e recreamos realidades compartidas. Ao entender a linguaxe como un conxunto de prácticas sociais, móstranos como as nosas palabras, reflicten máis ben a diversidade e o cambio. Noutras palabras, non hai unha única realidade, senón que son múltiples e distintas. Esta reflexión expón un reto tanto filosófico como práctico: xa falamos en clase sobre a aspiración de presentar a lingüística como unha ciencia, entón podemos aceptar a ambigüidade e o dinamismo da linguaxe en áreas onde se busca precisión?
A MAIORES: se as regras de uso son compartidas pola comunidade, iso significa que están suxeitas a convencións? Se non compartimos estas convencións, non seremos capaces de comunicarnos? quen crea estas convencións?

Moi bem feito e comentado. O teu exemplo da linguagem das matemáticas é um magnífico contraexemplo. Imagino que Wittgenstein diria que sempre é um uso porque podes dizer "triângulo amoroso" e, digamos, que estendes o significado de triângulo.
ResponderEliminar