Saltar ao contido principal

COLONIALIDADE E LINGÜÍSTICA

A lingua é moito máis que un medio de comunicación; é unha estrutura viva que reflicte e sostén as relacións de poder na sociedade. Ao longo da historia, as linguas dos pobos colonizados foron relegadas a un segundo plano, consideradas como primitivas ou insuficientes para expresar ideas complexas ou "civilizadas". Esta desvalorización non só nega a estes pobos o seu dereito para comunicarse nos seus propios termos, senón que tamén cuestiona a súa capacidade de pensar e comprender o mundo de maneira plena. 

A medida que os imperios europeos estenderon os seus dominios, presentaron as súas linguas e culturas como formas superiores de coñecemento e como instrumentos esenciais para o progreso. A lingua do colonizador impúxose non só como unha ferramenta de comunicación, senón como o vehículo exclusivo da modernidade e o coñecemento. Este proceso de imposición lingüística foi apoiado por institucións educativas, relixiosas e políticas que presionaron aos pobos colonizados para que abandonasen as súas propias linguas en favor daquelas que o poder colonial consideraba máis avanzadas e adecuadas para a vida moderna.

Algo que me sorprendeu ao investigar, foi descubrir que a descrición do funcionamento das linguas indíxenas durante os períodos coloniais foi levada a cabo maioritariamente por personaxes europeos (Frei Domingo de Santo Tomás, Frei Andrés de Olmos, Johann Ludwig Krapf…). Esta tarefa foi realizada especificamente por misioneiros, colonizadores e administradores, que tiñan un interese particular en dominar e entender estas linguas para múltiples fins. O obxectivo principal destes era, en moitos casos, facilitar a evanxelización, a administración colonial e o control sobre as poboacións indíxenas. Poderiamos dubidar entón do seu interese en preservar e comprender as linguas desde unha perspectiva cultural ou científica real. 

Á hora de buscar persoas que puidesen encaixar neste traballo tamén busquei linguas indíxenas e atopei algunhas que seguían existindo no que é territorio actual dos Estados Unidos. Entón seguín buscando e atopei o silabario cherokee creado por Sequoyah, de quen falarei a continuación. 



Sequoyah (Siqwavi en cheroqui), nado entre 1760 e 1776, era un prateiro cherokee, un dos pobos indíxenas do sueste dos Estados Unidos. Aínda que descoñecía a lingua dos colonos, vía como estes utilizaban a escritura para comunicarse, rexistrar datos etc. Deste xeito, tras ver o seu potencial comezou a pensar en crear un sistema de escritura para o seu pobo. Así, a principios do século XIX, Sequoyah creou un silabario para a lingua cherokee que permitía aos falantes escribir e ler na súa lingua materna, sen depender do alfabeto latino.

A diferenza dun alfabeto que representa sons individuais (como letras que corresponden a consonantes ou vogais), o silabario cherokee componse de 86 símbolos que representan sílabas completas. Algúns símbolos eran similares aos do alfabeto latino, aínda que o seu son era diferente, xa que Sequoyah copiou os caracteres descoñecendo a súa pronuncia. 


Para o ano 1830, o 90% dos cherokee sabían ler e escribir na súa propia lingua. Desta maneira, libros, textos relixiosos, xornais, etc. publicáronse usando o silabario.

Sequoyah demostrou entón que os pobos indíxenas podían desenvolver os seus propios sistemas de escritura e preservar os seus coñecementos e cultura. A súa creación é unha proba de que as comunidades indíxenas posúen os seus propios coñecementos e capacidades para xestionar e enriquecer as súas linguas, ofrecendo un exemplo decolonial na historia da lingüística.



O "Cherokee Phoenix" é o primeiro xornal publicado en Estados Unidos por indíxenas americanos e tamén o primeiro en publicarse nunha lingua autóctona americana. O primeiro número publicouse en inglés e en cheroqui. 

O xornal seguiu en funcionamento ata 1834,  cando o goberno federal retirou a anualidade aos Cheroqui. Non obstante, o Cherokee Phoenix volveu editarse no século XX, e actualmente publícase tanto en versión papel como en liña, aínda que soamente na primeira versión emprégase tanto o cherokee como o ingles. A versión en liña soamente se publica en inglés, o que tamén nos da que pensar. 





Comentarios

  1. Concreto, atinado e bem expressado. Faltaria ter relacionado um pouco mais com Dabashi e a ideia geral de colonialidade

    ResponderEliminar

Publicar un comentario

Publicacións populares deste blog

MAPA CONCEPTUAL

Mapa conceptual sobre algunhas figuras da historia das ideas lingüísticas para observalas dende unha perspectiva xeral 

IDEAS LINGÜÍSTICAS NO CINE

  1. THE MATRIX :      https://www.youtube.com/watch?v=VsWZu_boOKU Nesta escena, Neo fala cun “potencial” no Oráculo que sostén unha culler e parece dobrala sen esforzo coa mente. Cando Neo lle pregunta como o fai, o neno respóndelle que non tente dobrar a culler porque iso é imposible, e engade: "Só procura comprender a verdade: que non hai culler”. E segue: “se o fas verás que non é a culler a que se dobra, senón ti mesmo”.  A película móstranos que o referente (a culler) non existe na realidade de Matrix, senón que é unha construción mental baseada en códigos. Esta escena lévame a un dos temas tratados en clase: a relación entre a linguaxe, o pensamento e a percepción do mundo. Aquilo que percibimos non é a realidade en esencia. O que entendemos como “realidade” non é máis que unha construción mental que está condicionada pola linguaxe. Así, non é o obxecto o que cambia, senón a forma en que o concibimos, a través da linguaxe. Isto conecta entón coa teoría do...