A lingua é moito máis que un medio de comunicación; é unha estrutura viva que reflicte e sostén as relacións de poder na sociedade. Ao longo da historia, as linguas dos pobos colonizados foron relegadas a un segundo plano, consideradas como primitivas ou insuficientes para expresar ideas complexas ou "civilizadas". Esta desvalorización non só nega a estes pobos o seu dereito para comunicarse nos seus propios termos, senón que tamén cuestiona a súa capacidade de pensar e comprender o mundo de maneira plena.
A medida que os imperios europeos estenderon os seus dominios, presentaron as súas linguas e culturas como formas superiores de coñecemento e como instrumentos esenciais para o progreso. A lingua do colonizador impúxose non só como unha ferramenta de comunicación, senón como o vehículo exclusivo da modernidade e o coñecemento. Este proceso de imposición lingüística foi apoiado por institucións educativas, relixiosas e políticas que presionaron aos pobos colonizados para que abandonasen as súas propias linguas en favor daquelas que o poder colonial consideraba máis avanzadas e adecuadas para a vida moderna.
Algo que me sorprendeu ao investigar, foi descubrir que a descrición do funcionamento das linguas indíxenas durante os períodos coloniais foi levada a cabo maioritariamente por personaxes europeos (Frei Domingo de Santo Tomás, Frei Andrés de Olmos, Johann Ludwig Krapf…). Esta tarefa foi realizada especificamente por misioneiros, colonizadores e administradores, que tiñan un interese particular en dominar e entender estas linguas para múltiples fins. O obxectivo principal destes era, en moitos casos, facilitar a evanxelización, a administración colonial e o control sobre as poboacións indíxenas. Poderiamos dubidar entón do seu interese en preservar e comprender as linguas desde unha perspectiva cultural ou científica real.
Á hora de buscar persoas que puidesen encaixar neste traballo tamén busquei linguas indíxenas e atopei algunhas que seguían existindo no que é territorio actual dos Estados Unidos. Entón seguín buscando e atopei o silabario cherokee creado por Sequoyah, de quen falarei a continuación.
Sequoyah (Siqwavi en cheroqui), nado entre 1760 e 1776, era un prateiro cherokee, un dos pobos indíxenas do sueste dos Estados Unidos. Aínda que descoñecía a lingua dos colonos, vía como estes utilizaban a escritura para comunicarse, rexistrar datos etc. Deste xeito, tras ver o seu potencial comezou a pensar en crear un sistema de escritura para o seu pobo. Así, a principios do século XIX, Sequoyah creou un silabario para a lingua cherokee que permitía aos falantes escribir e ler na súa lingua materna, sen depender do alfabeto latino.
A diferenza dun alfabeto que representa sons individuais (como letras que corresponden a consonantes ou vogais), o silabario cherokee componse de 86 símbolos que representan sílabas completas. Algúns símbolos eran similares aos do alfabeto latino, aínda que o seu son era diferente, xa que Sequoyah copiou os caracteres descoñecendo a súa pronuncia.
O "Cherokee Phoenix" é o primeiro xornal publicado en Estados Unidos por indíxenas americanos e tamén o primeiro en publicarse nunha lingua autóctona americana. O primeiro número publicouse en inglés e en cheroqui.
O xornal seguiu en funcionamento ata 1834, cando o goberno federal retirou a anualidade aos Cheroqui. Non obstante, o Cherokee Phoenix volveu editarse no século XX, e actualmente publícase tanto en versión papel como en liña, aínda que soamente na primeira versión emprégase tanto o cherokee como o ingles. A versión en liña soamente se publica en inglés, o que tamén nos da que pensar.
Concreto, atinado e bem expressado. Faltaria ter relacionado um pouco mais com Dabashi e a ideia geral de colonialidade
ResponderEliminar