A falta de recoñecemento histórico non significa que non existiran mulleres lingüistas. Ao longo da historia, numerosas mulleres e colectivos marxinados traballaron en distintos ámbitos da lingüística, pero os seus nomes e os seus traballos foron esquecidos. Isto non é casualidade: obedece a estruturas de poder que privilexiaron certas voces, deixando outras na sombra. Ao invisibilizar estas figuras, estamos a aceptar unha historia incompleta e parcial, unha historia que non reflicte a riqueza das diversas achegas que se fixeron ao longo do tempo. Afortunadamente, nos últimos tempos houbo un esforzo consciente por recuperar estas voces. Un equipo internacional, liderado pola Universidade de Cambridge e coordinado por Wendy Ayres-Bennett e Helena Sanson, no que participa María Luisa Calero Vaqueira, profesora da Universidade de Córdoba, tomou a iniciativa de visibilizar as achegas de mulleres na historia da lingüística para restaurar así unha verdade que foi fragmentada. Só ao incorporar estas perspectivas podemos aspirar a un estudo máis completo e real da lingüística, un que non se limite ao que foi convenientemente rexistrado, senón que inclúa tamén o que foi silenciado.
Así, a lingüística con perspectiva de xénero suxire unha reflexión profunda sobre como a historia da lingüística foi narrada e quen son recoñecidos como os protagonistas desta disciplina. Non obstante, falar de lingüística con perspectiva de xénero, non implica substituír nomes de homes por nomes de mulleres, nin negar o valor de grandes lingüistas que xa coñecemos. É dicir, non se trata de forzar a inclusión nin de empezar a escribir nomes de mulleres polo simple feito de ser mulleres. O que este enfoque da lingüística busca é visibilizar as aportacións de quen, a pesar das súas importantes investigacións e descubrimentos, foron deliberadamente excluídos por afastarse dos relatos dominantes. Neste senso, a semana pasada no debate mencionei o nome de Hedy Lamarr, como muller ocultada ao longo da historia. Como xa comentamos, as súas aportacións non son o que parecían ou non son o que se quere facer ver sobre ela e, deste xeito, Lamarr non entra dentro das persoas que busca a lingüística con perspectiva de xénero.
Seguindo co traballo, o primeiro que me chamou a atención ao comezar este tema foi a idea que sempre se vendeu de que as mulleres non tiveron acceso ao coñecemento ata tempos recentes. Isto xustificaría o por que non coñecemos figuras femininas do pasado. Mais, ao realizar as miñas buscas, rapidamente atopei o nome de Beatriz Galindo (1465-1535), coñecida como "A Latina" e que destaca como exemplo do que se chaman as “Puellae Doctae”, é dicir, “mulleres eruditas”, que recibían unha educación formal e profunda. O seu coñecemento do latín foi tal que se converteu en mestra da raíña Isabel a Católica. Deseguido, apareceron outros nomes como os de Luisa Sigea ou Luisa de Medrano. Entón, mesmo en épocas moi afastadas, existiron figuras femininas que lograron destacar no ámbito intelectual.
Ata aquí falábamos dunha minoría, mais, co paso do tempo, as futuras revolucións, os cambios de gobernos, as mudanzas ideolóxicas, etc. supuxeron a entrada das mulleres nas universidades e, curiosamente, había unha ampla maioría delas na rama das Humanidades. Isto continuou sendo así ata o punto en que no ano 2019, o xornal “La Voz de Galicia” publicou o seguinte titular: “Filoloxía se gradúa en femenino”, xa que das 166 persoas que remataban os seus estudos ese ano, só 32 eran homes. Con isto quero dicir que está comprobada a existencia de moitas mulleres que dedicaron o seu tempo a disciplinas humanísticas como é a Lingüística, mais onde están? Non temos coñecemento delas, pois quedaron excluídas de todos os manuais.
A medida que ía lendo diferentes artigos, atopei moitas mulleres que se dedicaron aos mesmos ámbitos, como a primatoloxía, a antropoloxía, a tradución, a dialectoloxía, a gramática, a lingüística computacional... Gustaríame ter tempo para analizar cada caso en particular, mais por desgraza non preciso del. De primeiras as figuras de Karen Spärck Jones e a de Grace Murray Hopper, entre outras, parecéronme especialmente relevantes polas súas contribucións dentro da lingüística computacional, pero como non cursei aínda a materia, teño dúbidas da súa relevancia nas aulas, xa que parece que Internet concédelles unha forte validación.
Deste xeito, centrareime noutro ámbito que está fortemente esquecido, a dialectoloxía. A pesar da súa importancia, a dialectoloxía foi relegada na academia, moitas veces vista como unha área auxiliar ou secundaria en comparación con outras ramas da lingüística. Con todo, a súa relevancia é innegable, xa que proporciona unha visión máis completa e diversa do idioma, rompendo coa concepción homoxénea e estática que a miúdo se presenta nos estudos tradicionais de gramática.
Berta Elena Vidal de Battini (1900-1984) foi unha lingüista arxentina que dedicou gran parte da súa vida ao estudo da dialectoloxía do español en Arxentina, cun enfoque particular nas variantes rexionais. Nada na provincia de San Luís, Vidal de Battini comezou a súa carreira docente no campo da educación secundaria, pero pronto se interesou pola investigación lingüística.
Entre as súas obras máis destacadas atópanse “O español da Arxentina” (1964) e “Contos e lendas populares da Arxentina” (1947), onde documentou e analizou a riqueza lingüística e cultural do seu país. O seu traballo foi fundamental para a preservación dunha parte vital do patrimonio cultural arxentino, inspirando a xeracións de investigadores e estudantes. Grazas ao seu esforzo, moitas tradicións orais e variantes dialectais que poderían desaparecer quedaron rexistradas para a posteridade. Ademais, o traballo de Vidal de Battini destacouse polo seu enfoque na fala cotiá das distintas rexións arxentinas. A través dun meticuloso traballo de campo, percorreu o país recollendo testemuños orais que documentaban non só o léxico, senón tamén os costumes e tradicións que acompañaban a cada expresión. Este labor viuse plasmada na súa monumental obra "A fala rural de San Luís", que permanece como unha referencia ineludible no estudo da dialectoloxía arxentina.
Así, a lingüista non se propuxo elaborar un libro que fose a base da lingua que debía ensinarse, senón que realizou unha descrición minuciosa da riqueza e diversidade lingüística e cultural de Arxentina. Como ela, podemos destacar outras dialectólogas hispanoamericanas como Martha Hildebrandt (en Perú), María Josefina Tejera (en Venezuela), Matilde Real de González (en Panamá)... entre moitas outras compañeiras que non forman parte do marco hispanoamericano.
Para concluír, gustaríame mencionar que o que máis me sorprendeu na busca inicial de mulleres lingüistas foi que un gran número de páxinas tiñan como titular ou comezaban os seus artigos mencionando o Día Internacional da Muller ou o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia. Isto fíxome reflexionar sobre a insuficiencia destas conmemoracións, xa que as achegas de mulleres como as que se mencionan aquí, as que se mencionarán na aula e tantas outras, non poden limitarse a ser recordadas unha vez cada 12 meses. O verdadeiro obxectivo do movemento pola inclusión das mulleres na historia da lingüística debe ser integrar os seus nomes e as súas contribucións de forma duradeira na narrativa xeral.

Comentarios
Publicar un comentario